Para un directivo corrupto



Esta sería a tarxeta de visita para un directivo de Raspas Brancas, unha personaxe que ninguén coñece, nin no fútbol nin no automovilismo nin no tenis, corrupta e forrándose, polo que lle amosamos unha tarxeta cara de intención, impresa por ambos lados, que se podería imprimir con stamping. No reverso, como se pode apreciar, o logo e a web. No anverso deconstruimos o logo para o groso da información, que sempre axuda a vender hoxe en día usar palabras como deconstrucción, sobre todo se se dirixen a nós os trepas da pirámide. Non sacamos unha soa proba impresa, así que será obrigatorio revisar o corpo das letras e o tamaño e a distancia entre obxectos.

Mentras nós enredamos gabea polo que se coñece como pirámide de poder, non pola estructura poligonal que comenza na chusma e remata no Supremo, senón porque unha pirámide é sólida, inamovible, eterna. Non se aferran os cargos ao poder, non, aférrase o poder ás persoas que lle serven, cadansúa no seu lugar. É o poder quen paga.
_

As raspas gañadoras


Os logotipos de moitas entidades deportivas non deixan de ser escudos de armas redondos. Non hai que ser afeccionado a ningún deporte para sabelo, porque algúns traspasaron as fronteiras federativas para formar parte do imaxinario do conxunto da sociedade, máis gracias ao éxito dos xogadores que dos deseñadores, por suposto. Roland Garros, Wimbledon ou os Boston Celtics son algúns exemplos. Pregunteime entón polo ping pong, qué pasa, non se pode facer un logo para un club de ping pong que non dane á vista? Velaquí teñen un. As raspas forman unha pa, e a cavidade do ollo, o golpe da pelota; se queren, e se non queren tampouco importa.

Unha tinta (aínda que neste substituín o branco por un gris frío). Misturei liñas modernas, limpas, brillantes e duras, cunha Old English. Curiosamente, non me enterei de que foran os ingleses os que inventaran o xogo ata despois de escoller a tipografía, que me gustaba asociala co antigo comercio de ultramar e os barcos da China (como se as velas encheran dun vento gótico).
_

O restaurante xaponés que non



O outro día ceamos nun restaurante xaponés. Un local agradable, se tiñas a sorte de sentar ás costas da enorme parede onde presumían en catro enormes cadros de imaxe corporativa, que berraba: quero ser moderno e non pasar desapercibido. Deixándome ir, fixen esto, aparentemente un logotipo. Só aparentemente, porque, aínda que si é aplicable á imaxe dunha empresa (demostrareino), un director de marketing raramente o recomendaría (quizais un que tamén berrara quero ser moderno e non pasar desapercibido, pero aquí non hai nada moderno).

O debuxo dos ollos e o nariz é o típico de Modigliani. A letra é Myriad. Hitomi, nome feminino xaponés, significa ollos, dobre beleza; con el considerei suficientes ás referencias explícitas a Xapón. Cociñan ben, por certo, e non é moi caro para estar ao que están. Fronte a Bonaval.
_