ICON



O outro día estaba no bar o segundo número de ICON, a revista para homes de El País (si, son un plasta), con Michael Stipe, o de R.E.M., na portada. O deseño era correcto tirando a cobarde pretencioso. O contido, para potear, naturalmente.
_

Le rouge et le noir

Un ten os meses ben e outro non (suponse). Non convido a ninguén a un xogo conceptual para programas de-cul-tu-ra: algúns días escribinos mal e paso de traballar catro veces no mesmo. Non é minimalismo, é molicie.

























_

Cole na nube















Un cole de terribles infantes onde traballan moito coas novas tecnoloxías e a nube. A consellería seica lles concedeu un premio. Non sei que premio; a supervivencia e un distante sorriso de compaixón, posiblemente. Non é o seu nome, isto é para un blogue.

Nube, pois.

Consellería de Educación, iBlackCloud.

Como a letra tiraba ao gaélico, nube de aspiración gaélica tamén. Choiva de druídas, coche de carreiras na arpa do bardo.
_

Currículo

O que leo sobre o libro de Morrissey. Basicamente: que escribiu sobre si mesmo, motivo de sanción.

Se xa o título é ese! Autobiografía. Morrissey. Penguin Classics.

Agardaban os derradeiros pensamentos de Ícaro ou Isabel I de Trastámara, ou un traballo de investigación sobre a vida das lesbianas nos cárceres de Medellín?

Escribiu enfurecido contra os xornalistas. Aprendeu rápido a rirse deles. Soubo aproveitar o conflito, mais non pola inexacta mesquindade que se lle atribúe.

Si, el gaña e eu nin sequera me levo unha comisión, grazas, non quero o libro para nada.
_

As frases do luns de Diego Areso

Velaquí seu blogue, quintatinta, no que salienta frases que lle chaman a atención, non necesariamente de deseñadores mais sempre enfocadas ao deseño. Gástase un envexábel arsenal tipográfico.
























Esta frase de Mike Monteiro está moi ben, mola, colega, e coido que todos nos identificamos con ela, perdón, todos os que traballan nunha axencia cool do cool Nova York se identifican con ela. Aquí en provincias contentámonos con expectativas menores. Así algúns nunca nos comeremos nada, claro, de pertinentes inapetentes.
_

Exoesqueleto























_

Franquía da NBA























Ou colacao de plástico para os campeóns, toma moito, meu fillo, a ver se nos sacas de pobres cando pases dos dous metros. O neno desconfía da marca, nin é a que tomaba antes nin aparece un león ou un oso, algún animal que infunda respecto.

- Mamá, por que non trae un animal importante que morda na etiqueta, inda que sexa un raposo?

- Porque é marca branca -respóndelle o pai-, máis barata; non podían ghastar en bichos.

- Pois semella unha nave espacial.

- O importante é o que trae dentro, veña, acaba de almorzar se queres que te deixe teu pai no cole.

Non o saben: é a marca mala adhesiva que consumían Michael Jordan, Magic Johnson e outras estrelas do baloncesto norteamericano. Colecciona os cromos.
_

O deportivo espírito de superación




















Seguimos meténdonos en política, non aprendemos. Os nosos dirixentes inauguran o pavillón municipal de Baiona e, na súa teima co bilingüismo harmónico, superándose, como nun anuncio de Nike, aproban esta esperpéntica (xa o dixeron os de ProLingua) solución gráfica. Inpóñennos o autoodio facendo o ridículo. Agardamos que o “cráneo previlegiado” ao que se lle ocorreu semellante atentado aos máis elementais principios do uso tipográfico fique no anonimato, para aforrarse o lume da vergoña.

Tamén se comeron o acento, tanto en galego como en castelán vai acentuado, non fai falla ler a Marcel Proust na intimidade para sabelo, abonda co graduado escolar. Non veña agora un deseñador, que algún inda hai, a dicir que as maiúsculas non se acentúan porque quedan mal.
_

Estrelas do alboio



Pregúntome se alguén emprega inda o adxectivo supino.

Isto é supino, o que escoita un creativo, oh que fashion un-cre-a-ti-vo, cando as musas do contrato o axexan corre máis que Usain Bolt. Preguntas a estas alturas? Emboscadas de Napoleón vestido de Zara na túa cabeza? Javier Aramburu deseñaba contracapas como esta, despois mandounos a todos á merda e adicouse ao que lle gustaba que era o surf. Ou esa é a miña lectura.
_

Un produto do mar
























Esta é unha tarde coa familia na praia ou no monte. A señora pousa a cesta de vergas e estende o mantel de cadros brancos e vermellos. Sentan arredor os fillos e máis o home. O sol está perfecto. Ao fondo, un pouco á esquerda, óllase a un pescador sentado. A señora saca da cesta unha fogaza de pan rústico, un bote de marmelada, cubertos e pratos. Só hai que abrir o bote, xa está: é o que di a etiqueta, e sen trampa, sen enganar ao consumidor.

- Non acabo de velo… e o nome… para unha marmelada… alcatrán é o que estou pensando que é?

- Un nome inolvidable, xefe, fágame caso.

Os nenos comen alegremente. A señora colle o xornal que sobresae da cesta, este mes, no Merdacona, lévese dous botes de marmelada ecolóxica Alcatrán pagando a segunda unidade a metade de prezo. A señora olla o seu bote e sorrí.
_

O extremo centro (anacronismo)





























Apréndese cos anos a non loitar contra a intuición (se non se fai demasiado tarde), e a miña intuición é o que me berra, un disparo limpo, unha sociedade con algo menos de ruído. Non é que o razoamento non valga para o PSOE, é o PSOE quen nos deu a medida. Ao PP enténdese, defende os seus intereses de clase, mais non aos socialistas dende que Felipe González tirou o crucifixo de Marx pola fiestra, por dicilo como Umbral. E agora súmalles este esperpento (lembren a visita coa que nos honrou, para dicirnos como debiamos educar aos nosos fillos).

Aproveito aquel slogan do PP co que pretendían borrar a súa imaxe reaccionaria, “centrados en ti”, disputando o centro, agora que a UPyD lle chaman de extremo centro. Non debería meterme en política, xa sei, os deseñadores ou son apolíticos ou manteñen unha postura reservada.
_

raspasnegras























Hai que sinalizar os costumes. Estradas de camioneiros nas que se suceden churrasquerías e bordeis (pasamos de tanta carne e reparamos en peixe pequeno). Patrimonio inmaterial da humanidade. Esta non é unha versión australiana, senón napolitana. Spaguettis alla puttanesca; aceite, allo, cebola, guindilla, anchoas, olivas, e habendo, tomate e alcaparras. Coróase con pirixel ou alfavaca. A súa orixe ofrece literatura a escoller, negra flor:

- Comida alta en calorías para estar na rúa agardando clientes, aí na Idade Media.
- Prato recorrente entre putas, ao pagarlle os mariñeiros os seus servizos con anchoas.
- Cociña rápida entre cliente e cliente.
- Anchoas, o único que pillaban as putas no mercado ao traballar de noite e chegar tarde.
- Un pouco máis forte: o cheiro das anchoas lembra ao dos coños.

E unha de peso: logo da Segunda Guerra Mundial, xa falamos de marketing, nas casas de xantar con habitacións, trocan o nome orixinal do prato, alla marinara, polo que en diante será alla puttanesca, de maior reclamo para os mariñeiros.
_

Así soa a miña banda





























Fotos de Anton Corbjin no disco Beethoven was deaf de Morrissey.
_

Promoción desenmascarada



Para que carallo quero un book ríxido, pretencioso, ridículo? Non, mellor comezar así: para que quero un book (pronúnciese como un lento salto interesante) fóra das obrigas do mercado laboral? Para poder dicir que teño un book, queres ollalo?, téñoo aquí, casualmente.
_

Lingua de viño e baionetas






















O mellor blogue da caduca blogosfera e despois cantar unha canción de Aziza Brahim e outubro, saco de lingua e baionetas. Maldito, con acougo.

Atlántico






















Esta e outras afirmacións de interese na entrevista que lle fixeron os de Praza Pública a Pancho Lapeña, o que antes considerábase un artista multidisciplinar. Na introdución da propia entrevista xa poñen a listaxe de todo ao que lle pega (con formación e xeito, non teñen máis que seguir as ligazóns). Referencia directa, mais non simplista (dentro do que dá de si unha pequena entrevista), a un problema de país. O deseño gráfico (insistamos no de comercial) ven sendo un pasatempo, algo que pode facer perfectamente o fillo do xefe.

Primeiro chamounos a frase, logo, coa lectura, suficiente, recoñecemos a un creativo que non é fillo alucinado de Adobe, olla, olla o que me fai Photoshop se lle dou aquí. Pode gustar ou non; o tío está esperto e co país (sen caer no que critica) e iso xa é de valorar. Non todo vai ser queimarse coa xente.
_

Feijóo lerá un pregón





























Escribireite unha canción, Rafael. Unha a ti e outra a ese señor importante e serio e emotivo que está na Xunta. Sodes os mellores. Mais, di, recoñece: ti es mellor ca el, listo que non se confunde en Madrid. Desculpa esta linguaxe angular, é que estou escoitando o novo disco dos Pixies, un EP que non lles facía ningunha falla estaban ben como estaban, algo que a ti non ten que preocuparte porque vou escribirte unha canción e logo voucha cantar debaixo do teu balcón cos meus mariachis. Patrocinio FAES.

Escribireite unha canción na que pedirei máis festas gastronómicas, Sagrada Deputación Provincial, non nos deixes tirados agora, apiádate de nós, prego, crego, prego, eu que era agnóstico durante a semana e ateo as findes agora son devotoionqui, non podo vivir sen as romarías do centolo ou da carne ao espeto do PPSOE. Danos e te votamos, non é tanto, unha festa da navalla a finais de novembro, unha orxía de caramuxos místicos en febreiro, a lamprea cada domingo de mes, a transubstantación do cocido e o caldo embazando tódalas fiestras do inverno.

Teño que confesarte algo, Rafael, o señor Feijóo está convidado ao noso obradoiro, que cedo dexenerará en convencional festa e firme conspiración, e terá a amabilidade brutal de oficiar de mestre da cofraría apátrida do queixo e dirixirnos unhas palabras, un pregón, un pregón, un avión de papel que incendiará o padal da nosa mente e nos fará chorar de gratitude. Ti xa me entendes. Non te convidamos porque sabemos que ficas seco co da Vuelta a España, que xa ten collóns, ter que pagar ti facturas de outros.

Sabes que só te quero a ti, que non me valen outros, palabras simples, si, eu tampouco confundo Madrid cos negocios, escribireite a canción, escribireite a canción e me aplaudirás. Cóidate moito, miña razón de ser.
_

Comeza a tempada de festas, Rafael





























Agora que recende, azafrán do fume suspendido en todo o andar, pequeno lume de horas. Como nunha pota cósmica, xúntanse o violado cabodano de Montalbán, un libro seu, Contra los gourmets, e gañas dun xantar rotundo redondo que acredite que están vivos. O símbolo será gordo. As probas, flatulentas.

Procesión de autoridades de festa gastronómica en festa gastronómica, cos afectados polas preferentes agardándoos con barullo á saída de tódolos concellos. Que ben se come aquí.
_

Porno para intelectuais

Oye nena, yo soy un artista (bis)
Mi padre trabaja en el sector vitivinícola
Y yo no soy ningún cavernícola.
Mi padre trabaja en el gremio de hostelería
Y mi pintura no es ninguna porquería.
Oye nena, yo soy un artista (bis)

Oye nena, yo soy un artista (bis)
No sabes nada de impresionismo.
No sabes nada de dadaismo.
No sabes nada de surrealismo.
Y a ti todo te da lo mismo.
Oye nena, yo soy un artista (bis)





















Ademais da canción de Siniestro, é posible que haxa máis entregas, as páxinas de dentro, con “interesantes textos ilustrativos”, e unha contraportada como a do As. Xa veremos.
_

O acordeón do demo


















Este logotipo saiume á primeira, non mo creo. Si que tiven que darlle unhas voltas á tipografía e ás cores, mais a primeira idea que iluminou o antro da miña cabeza foi a boa; desobedecín á clienta, que non quería ollar unha bolboreta, e nin me molestei en facer algunha proba alternativa. Soltará un solemne e engomado afiliado á patronal que isto faino o seu neto en cinco minutos e me parece ben, non lle direi que non.

Venda de roupa de la para nenos on line, só tiven que preocuparme de que se puidera imprimir en etiquetas pequenas, sen redundar no naïf do nome cunha letra infantil. Agulla e puntos.
_

Arquivo do blogue