Feijóo lerá un pregón





























Escribireite unha canción, Rafael. Unha a ti e outra a ese señor importante e serio e emotivo que está na Xunta. Sodes os mellores. Mais, di, recoñece: ti es mellor ca el, listo que non se confunde en Madrid. Desculpa esta linguaxe angular, é que estou escoitando o novo disco dos Pixies, un EP que non lles facía ningunha falla estaban ben como estaban, algo que a ti non ten que preocuparte porque vou escribirte unha canción e logo voucha cantar debaixo do teu balcón cos meus mariachis. Patrocinio FAES.

Escribireite unha canción na que pedirei máis festas gastronómicas, Sagrada Deputación Provincial, non nos deixes tirados agora, apiádate de nós, prego, crego, prego, eu que era agnóstico durante a semana e ateo as findes agora son devotoionqui, non podo vivir sen as romarías do centolo ou da carne ao espeto do PPSOE. Danos e te votamos, non é tanto, unha festa da navalla a finais de novembro, unha orxía de caramuxos místicos en febreiro, a lamprea cada domingo de mes, a transubstantación do cocido e o caldo embazando tódalas fiestras do inverno.

Teño que confesarte algo, Rafael, o señor Feijóo está convidado ao noso obradoiro, que cedo dexenerará en convencional festa e firme conspiración, e terá a amabilidade brutal de oficiar de mestre da cofraría apátrida do queixo e dirixirnos unhas palabras, un pregón, un pregón, un avión de papel que incendiará o padal da nosa mente e nos fará chorar de gratitude. Ti xa me entendes. Non te convidamos porque sabemos que ficas seco co da Vuelta a España, que xa ten collóns, ter que pagar ti facturas de outros.

Sabes que só te quero a ti, que non me valen outros, palabras simples, si, eu tampouco confundo Madrid cos negocios, escribireite a canción, escribireite a canción e me aplaudirás. Cóidate moito, miña razón de ser.
_