Redescubrindo os diarios de Kafka

Salvador Pániker prescribe levar un diario, como ferramenta de (auto)coñecemento e poña vostede orde na súa cabeza. Cando o descubrín en casa de C. case me convence. Cando lin un segundo volume comecei a toparlle as trampas. Non hai trampas nos diarios de Kafka, ou mellor, ao revés, deben ser os diarios coñecidos con máis trampas da humanidade, pero non para gañarse o favor de ninguén, apenas unha loita xorda, segura, intermitente e culpable. Non lle falta razón a Ferlosio cando afirma que despois del é todo unha trapallada pretenciosa mal disimulada.

Escribirá Ferlosio un diario? Dubídoo moito (inda que sería divertido).

A min que me rexistren. Procurar un pouco de orde aquí enriba está ben, si, e non é o diario quen cha proporciona como a aspirina che quita unha dor nos anuncios. A lo menos a min non me funcionan, nin os diarios nin as aspirinas.

Sen lívidas saias nin esputos de sangue.

Kafka escribiu o que a educación e o corpo lle permitiron, e aí polo medio, ao abeiro dunha anemia, lume constantemente novo, e tan detido, e o amigo entendeuno ao desobedecer e non lle queimar os manuscritos.
_

Día da Galiza Mártir






























Aquí a provocar con frívolo e rápido construtivismo ruso, ah, cabrón anacrónico, roxo independentista, culpable de evidente panfleto, iso está superado (amable), imos cortarche os collóns (máis amable) e demais leccións de civismo e historia. Está superado, nin sequera sobreviven as gloriosas nación-estado, agora estamos, oh, en mans dun goberno supranacional.

Porque aprenderon a disimular os cadáveres?

Porque se abreviou a política en macroeconomía?

Tamén a min me aburre o asunto da nación romántica, da terra idealizada que se consume nas belixerantes brasas da súa derrota, mais son fillo desta Ítaca, e paso dos mártires como paso dos santorais e a televisión. Non os quero, son de fabricación fascista, aí tedes o voso santiño, monte de merda. O que si quero é a memoria de toda esa xente asasinada por ser intelixente, limpa, traballadora e xenerosa.

Era antes máis doado? Era máis doado vivir contra Franco, máis simple? Soa a escusa. Dende logo era máis doado rematar mártir, non se discute; a diferenza entre O Caudillo e O Rexistrador da Propiedade é que este último terá non sei cantos mil amigos no Facebook; pagar pagan os mesmos.

Erro: fixo que O Caudillo tamén está no Facebook. Agregádeme, gando!

Outro que pilla vacasións en aghosto. Pode que volva, e se non volvo, non é porque vaia escribir un libro, tranquilos.
_