Semicurado

Non me interesa o teu punto de vista
tampouco o meu
                                 silencio de balanza
interésame a orixe
                                    a cabronada
a vertixe que corrixe o Wall Street Journal
e unha marca de queixo.
_

Esta mañá tiven unha revelasión desas

Ao entrar no hospital apaguei o móbil, por dúas razóns:

Primeira e máis importante: porque se alguén me chama a esa hora coido que despois o mato.
E segunda: porque no hospital dinche que o apagues, norma que a xente de mediana idade para embaixo incumpre compulsivamente (mentres predican o contrario).

Entón, sentado xa na sala de espera, o móbil apagado, volvín pensar na posibilidade dun diagnóstico mortal. Palmala sería como quedar sen cobertura eterna e case contemplaba o suceso (o deceso) como un alivio, un por fin, un que vos follen vivos. Ah, si, e se algún cabrón che mete a man nos petos e acende o puto móbil? Centos de chamadas perdidas ao inferno, ata que as persoas interesadas e o banco se cansaran, ou peor, Deus e O Demo fasendo de telefonistas, Miguel Durán, chámanlle pola liña 154789bn42f55555k, preséntese en recepción, merda, non podemos arder como se fixo sempre? Ao final a culpa non vai ser do Concilio Vaticano II, vai ser de Steve Jobs.
_